Rematou a veda para a ‘raíña dos mariscos’ e a lonxa foi escenario na tarde deste luns do desembarco de 2.241 quilos deste prezado crustáceo, máis do dobre dos capturados no arranque da campaña en 2013. O que non variou tanto foron os prezos cos que se puxo inicio á campaña, posto que pasouse dun primeiro “mío” de 17,10 euros o pasado ano aos 16,80 cos que se detivo a poxa por primeira vez nesta xornada.
Aínda que houbo quen apuntou este luns que o balance cuantitativo desta primeira xornada da campaña ía resultar algo escaso para o que facían presumir as condicións climatolóxicas, o balance numérico das capturas chegadas ata O Corgo na tarde deste luns sitúan o inicio da campaña 2014/2015 como a segunda mellor en quilos capturados dos últimos cinco anos. Foron en total 2.241 os que achegaron á lonxa o máis de medio cento de embarcacións locais que nesta xornada puideron recoller os miños por primeira vez. Máis do dobre dos preto de 1.000 quilos cos que se levantou a veda en 2013 e moi por riba dos 1.200 e 1.600 quilos cos que se iniciou a tempada en 2011 e 2010. Tan só os preto de 2.600 quilos de 2012 superan no último lustro ás cifras rexistradas esta tarde na lonxa.
Os prezos mantéñense
Aquela abundancia do primeiro día de 2012 supuxo tamén que o primeiro “mío” descendese por aquel entón ata os 13,75 euros o quilo, para ascender ata os 17,05 un ano despois debido á escaseza. Unha cifra á que se achegaron de novo os primeiros lotes deste 2014, que se pagaron a 16,80 euros. Todo iso nunha tarde de poxas que, como é tradición, reuniu na lonxa a número de mariñeiros, veciños, medios de comunicación e curiosos na praza do Corgo, ata onde tamén se achegaron bastantes compradores foráneos e onde a poxa final quedou nos 7 euros.
Como é tamén habitual, agárdase que os prezos da ‘raíña dos mariscos’ vaian progresivamente ascendendo segundo se aproxime o Nadal, nunha campaña na que as cotas máximas de captura se sitúan de novo nos 35 quilos diarios por embarcación e outros 35 por cada tripulante e que nesta xornada comezou só nas costas de Pontevedra, posto que nas Coruña a veda mantense ata o día 16 e en Lugo ata o día 30.
Publicado o luns 10 de decembro por Todogrove.com (Texto: I. Rodríguez | Fotos: M. Muñiz)